Este é un blog de traballo colaborativo da aula de Educación Secundaria de Adultos que servirá para elaborar os materiais do proxecto "Percorrido Literario: de Murguía a Dona Emilia P. Bazán a través da Xeolocalización e R.A.".
Nun curioso libriño publicado por dona Emilia Pardo Bazán o ano 1887, titulado La Leyenda de la Pastoriza,
fai historia desta lenda e dí como o rei suevo de Galicia, Rechiario ou Requiario, primeiro rei cristián da Hispania, fundou a igrexa de Pastoriza na que se adoraba unha imaxe da Virxe.
Di a tradición que cando aló po-lo ano 968 arribaron a Galicia as naves normandas que invadiron o noso territorio, ou a chegada de Almanzor, o caudillo musulmán que co seu rápido e formidable ataque causou a derrocada de Santiago e chegou deica as proximidades da Coruña e Betanzos, lugares que endexamais tiñan tripado os guerreiros deica entón, segundo din os cronistas árabes do tempo, disque o padre cura, ou algún fiel do lugar, agachou a sagrada imaxe entre unha penedía do monte para libra-la da posible profanación dos invasores.
A pequena igrexa foi derrubada, mais a efixie librouse da desfeita ó permanecer acubillada anos e anos, quizais por ter morto a única persoa que sabía o lugar onde fora agachada. Ata que, un día, unha nena inocente que andaba cunha vaca en Pastoriza, viu unha estrela relucente riba dunha morea de penas na parte alta do monte. Aquela visión da estrela repetiuse e, daquela, a rapariguiña contou en como se lle tiña aparecido diferentes veces.
Isto deu pé para que se esculcara entre tódolos penedos que no monte había amoreados ata que, ó cabo descubriuse a imaxe da Virxe nun oco baixo unha grande pedra, o que dende aquela foi chamado «O berce da Virxe», e por ese oco baixo da pena pasan a rastro moitísimas persoas para se libraren de pecado ou sandaren de certas maldías.
Mais outra lenda hai que se refire tamén a esta imaxe: cando o Drake veu sitiar A Coruña no ano de 1589, algúns soldados herexes que se achegaron a Pastoriza tiraron a santa imaxe da igrexa e chimpárona alí no chan, preto da fonte, e cortáronlle a cabeza cunha machada tronzándolle o pescozo, mais logo, milagrosamente, volveu axeitar e unir a cabeza ó corpo como estaba antes.
Di a tradición que os soldados, asustados por tal prodixio, fuxiron sen roubar nin incendiar nin facer dano ningún á igrexa e mesmo tampouco en ningunha casa da parroquia de Pastoriza.Esta tradición conmemorábaa un lenzo pintado existente na igrexa e hoxe desaparecido.